O noso primeiro evento en Lugo
De todos os proxectos nos que participo, sempre hai algún que ten especial intensidade. Ou con respecto ao que sinto especial vinculación.
(Para unha visión xeral do que fago, podedes ver algunha entrada do blogue: https://miguelvieito.gal/miguel-vieito-avogado-presentacion/)
Ideas nas que se coloca unha dose extra de ilusión e con respecto ás que hai ganas especiais de que saia ben. Pola materia a traballar, polo coral das súas achegas…
Este é un deses casos.
Hai xa varios meses que vimos traballando na creación dun grupo. Un equipo plural e multidisciplinar de análise sobre diversidade afectivo-sexual. En galego, tendo o rural en mente e centrado na Provincia de Lugo.
Un equipo dende o que xerar coñecemento, eventos e debates desde o interior do país.
Un espazo dende o asociativo, o xurídico-legal, o artístico, o sanitario, o artístico… Dende o que divulgar en positivo e sen cancelas. Un lugar construído co principio ineludíbel de que a diversidade é un ben social.
É con estes alicerces que nace o Movemento de investigación e estudo lucense, DIVERSES.

A nosa presentación “oficial” tivo lugar o pasado 3 de outubro: https://www.deputacionlugo.gal/gl/node/78317
E o vindeiro 12 de novembro terá lugar o noso primeiro evento. Terá relatorios variados e de máximo interese, con profesionais de referencia no seu campo de traballo. Podedes ver o programa completo e realizar a inscrición no seguinte enlace: http://www.redemuseisticalugo.org/documentos.asp?mat=83&id=7943
Como mencionaba, as achegas alcanzan a varios campos de traballo.
Contamos coa co-organización de ARELAS – Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia, da Deputación de Lugo e da Rede Museística Provincial de Lugo. Sumámoslle a participación da Escola Universitaria de Enfermaría.
Haberá relatorios dende o sanitario, a filosofía, a educación, a arte… Tamén experiencias en primeira persoa. Eu teño a honra de contribuír dende o xurídico-legal.
Anímovos a botarlle un ollo ao programa, a achegarvos o día 12 a Lugo.
Tamén a compartir no futuro as vosas perspetivas na materia, debater con nós ou contribuirdes a seguir construíndo o Movemento.
Podedes seguir ao Movemento nas súas redes: “@mieldiverses” en Instagram e Twitter.