Un primeiro ollar a quen son e que é o que fago
Presentación
Benvidx!
Ves de dar en “Miguel Vieito – Avogado”, e quero agradecerche que chegaras a este blog e ao meu espazo web!
Agardo que a información que atopes aquí sexa de interese e agardo poder axudarche a encamiñar as túas dúbidas do mellor xeito posíbel.
Como puideches ver xa, son asesor legal e avogado, ademais de mediador, activista e docente. De todas esas áreas aprendo constantemente, e achegan habilidades e recursos ao tipo de profesional que quero ser.
Aposto pola precisión e o rigor no traballo, cun achegamento serio, de calidade e cun estándar de esixencia alto. O respecto á confianza das persoas que acoden na busca de orientación é para min un piar esencial.
Creo nun enfoque profesional e de máximo nivel feito en galego, e feito dende o rural. Estas dúas compoñentes forman parte nuclear do que eu son, do que quero ser e, por suposto, do como exerzo a avogacía.
(Crecín como persoa e aprendín a ser no Lugar de Ferradal, en Santa María de Bértoa (Concello de Carballo) e agora vivo e traballo dende o Lugar de Reboreda de Abaixo, na Parroquia de Francos (Concello de Outeiro de Rei).
Que é o que fago?
As miñas especialidades son o Dereito Médico, o Dereito Antidiscriminatorio, a Mediación e o Dereito Sucesorio (e xestión patrimonial). Mais fóra destas, tamén poderei axudarche no que precises.
Se son materias que teño traballado, fareino directamente; e de non ser, recomendareiche a compañeirxs cos/coas que colaboro habitualmente.
Teño unha sólida formación, así como anos de experiencia. Ademais dedico moi boa parte da miña vida profesional a seguir formándome e actualizándome.
Mais creo que unha atención profesional non debe ser só tecnicamente correcta, senón que debe ser empática, amábel e cordial. É por isto que intento exercer a miña labor dende a proximidade e o acompañamento non directivo; é dicir, proporcionarche o mellor asesoramento e información sobre as opcións dispoñíbeis e acompañarte no proceso.
(Podedes atopar información profesional adicional no meu perfil de LinkedIn: linkedin.com/in/miguelvieito).
Que atoparedes neste blog?
O blog de Miguel Vieito – Avogado será, para min, unha ferramenta e unha escusa.
O primeiro pois agardo poder proporcionar recursos ou orientacións sobre cuestións xurídicas, ben complexas, ben populares ou ben de actualidade; achegando información contrastada, de fontes fiábeis e de confianza.
O segundo pois estudar novos temas, analizalos, e actualizarme é tremendamente interesante e escribir sobre un tema é un bo modo de exercitar as neuronas e os dedos, e non perder o costume.
Dito todo iso… benvidx! E moitas grazas por te achegares ao meu espazo web.