Bisexualidade e Dereito

Milenios despois do último post, retomo este espazo, coa “promesa” de ter algo máis de continuidade.
E fágoo cun dos temas que me foron suxeridos para abordar neste espazo.

(No IG (miguel.vieito.avogado) tedes un “highlight” no que podedes suxerir temas sobre os que facer algunha entrada. Tamén podedes contactarme por aquí)

O tema de hoxe é a bisexualidade.

Cuestións xerais

Persoas bisexuais son aquelas que se sinten atraídas cara persoas de máis dunha identidade sexual, ou de calquera delas. Esta atracción pode ser emocional, romántica ou sexual (ou todas elas). É importante sinalar que a forma na que esta atracción se manifesta non é un continuo, senón que pode variar ao largo da vida.

Podemos considerar que entre o 2,3 e o 6% da poboación española se identifica como “bisexual”. España é ademais, en datos de 2021, o país do entorno UE con menor poboación que se identifique como “heterosexual”.

Puidéramos pensar que a bisexualidade é só un asunto privado. É dicir, que o Dereito non ten nada que vir a opinar/valorar/considerar sobre a bisexualidade. Porén, isto só é así parcialmente.



A liberdade sexual como Dereito Fundamental

A bisexualidade entronca coa “liberdade sexual”. Isto é, coa liberdade de elección, expresada como auto-determinación no eido da sexualidade, co único límite dos dereitos e as liberdades doutra/s persoa/s.

É dicir, podemos escoller o noso comportamento sexual, facer, aceptar, rexeitar as propostas, propias ou alleas, que queiramos. E o Ordenamento Xurídico protexe, de varias maneiras, esta elección libre.

(Noutra entrada, se queredes, podemos falar da “Declaración Universal dos Dereitos Sexuais, da Asociación Mundial de Sexoloxía. Non é un texto normativo, e por tanto non é vinculante, mais non por iso deixa de ter interese)

O Dereito coloca a orientación sexual nunha vertente interna de Dereitos Fundamentais. En concreto en relación co artigo 8 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos (dereito ao respecto da vida privada e familiar).

É dicir, a orientación sexual ten que ver coa “vida privada”, e este concepto ten unha noción ampla, que abrangue a integridade física e moral da persoa. Pertence así o dato da orientación sexual ao que o noso Tribunal Supremo chamará “núcleo duro da privacidade”.

Dito doutro modo, a nosa orientación sexual é nosa, e temos dereito a excluír dela a quen sexa allex. Isto inclúe ás Administracións Públicas: non teño porqué darlle explicacións a ninguén de cara quen sinto ou non atracción.



A orientación sexual en relación a terceirxs

Porén, o Dereito si ten interese na orientación sexual das persoas. E teno nunha vertente “externa”, cando outras persoas aparecen na ecuación. Cando somos discriminadxs, ou vexadxs, ou atacadxs pola nosa orientación, o mundo xurídico reacciona.

Mais non sempre a perspectiva xurídica foi (ou é) de protección contra discriminación ou violencias.

A regulación punitiva das orientacións

Por unha banda pois seguen a existir Estados nos que é punida toda orientación sexual que difira da “norma”, da heterosexualidade.

En datos do Map on sexual orientation Laws in the World de ILGA (The International Lesbian, Gay, Bisexual, Trans and Intersex Association), e que podedes consultar, en castelán, neste enlace: https://ilga.org/sites/default/files/downloads/SPA_ILGA_World_map_sexual_orientation_laws_dec2020.png, seis xurisdicións no mundo seguen a castigar, en datos de decembro de 2020, con pena de morte as relación sexuais entre persoas do mesmo sexo. Un total de 30 castigan con penas de prisión de até 8 anos.

Así foi até non hai moito no noso Estado, onde a orientación apareceu na norma para criminalizar, perseguir e penar. Así as persoas bisexuais eran castigadas na Lei 16/1970, de 14 de agosto, sobre perigosidade e rehabilitación social (artigo segundo.B.Terceiro. Podedes velo aquí: https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-1970-854)

(Sobre os campos de internamento e traballos forzados para persoas homosexuais e bisexuais, neste caso en Canarias, recoméndovos ler este artigo, que analiza estes após da reforma da Lei de vagos e maleantes, orixinalmente de 1933, operada en de 1954: https://www.eldiario.es/canariasahora/premium-en-abierto/homosexuales-vagos-maleantes-peligrosos_1_3991002.html)

Regulacións discriminadoras non penais

Nun segundo momento, superado xa o castigo penal directo, dende o sistema hetero-patriarcal xéranse condutas de castigo, represión, invisibilización, exclusión e discriminación. Estas poden ter tamén reflexo no Ordenamento Xurídico. Ollade o que se publicaba nunha Revista Xurídica no ano 2004, ao respecto das persoas bisexuais:

  • la bisexualidad -sea considerada como un subtipo de la híperestesia sexual o como un hábito fuertemente arraigado- sería indudablemente causa de la incapacidad del sujeto para asumir la fidelidad conyugal. b) Por otro lado, la bisexualidad es frecuentemente considerada, desde un punto de vista psicológico, como consecuencia de una detención en el desarrollo psicosexual del sujeto. Desde esta perspectiva, muy poco tenida en cuenta por doctrina y jurisprudencia, la bisexualidad aparece como síntoma de una profunda inmadurez afectiva del sujeto, que habría quedado estancado en un estado de indefinición respecto a su propia orientación sexual

Esta desviación da norma, este “mal” fronte ao “ben” que conformaría a heterosexualidade hexemónica serve de base a regulacións excluíntes.

(Puidemos comentar algunha idea xeral sobre patriarcado neste post)

A bisexualidade e a exclusión

Como primeiro exemplo podemos sinalar a exclusión de dereitos reprodutivos, operada pola Orde Ministerial 2065/2014, de 31 de outubro. Esta impedía, de facto, ás mulleres lésbicas ou bisexuais o acceso pleno e libre ás técnicas de reprodución humana asistida. A norma abría estas técnicas só no caso de infertilidade, sendo que a entón Ministra de Sanidade Ana Mato declaraba: “La falta de varón no es un problema médico” (Fonte: https://elpais.com/sociedad/2013/07/23/actualidad/1374575386_841886.html)

Esta regulación permanecería en vigor até o pasado mes de novembro, coa entrada en vigor da Orde SND/1215/2021, de 5 de novembro, que devolve o acceso a mulleres lésbicas e bisexuais, ademais de xeralizar a posibilidade para persoas trans.

Por outro lado as cifras mostran que vivir e exteriorizar a bisexualidade xera, en ocasións, hostilidade. Só algúns datos:

  • Entorno a 1 de cada 5 persoas bisexuais ten experimentado discriminación no traballo no último ano
  • Preto do 56% dos homes bisexuais sinten que nunca poden falar abertamente da súa orientación
  • O 25% das mulleres bisexuais entre 15 e 17 anos, oculta deliberadamente a súa orientación na escola
  • Entre mulleres bisexuais, o 44% indica que o seu último incidente de odio implicou violencia sexual
  • Non supera o 10% a porcentaxe de persoas bisexuais que reportaron o último incidente de odio sufrido


A regulación “en positivo”: protección fronte a agresións

Non todo son “malas novas”, nin todo o noso Ordenamento é hexemónico, opresivo e discriminador. Por sorte.

A discriminación por orientación sexual é proscrita, xa na etapa constitucional, por relación ao artigo 14 da Carta Magna. Con relación a este, son numerosas as normas non só de protección, senón tamén por exemplo de inclusión de información e formación sobre diversidade no eido educativo.
Normas que, na práctica e no día a día, teñen maior ou menor impacto ou reflexo. Mais iso pode ser reflexión para outra entrada.

Os últimos dous anos viron nacer no noso Dereito dúas normas de relevancia ao respecto da proteccíón xurídica da orientación sexual. Dito doutro xeito, relacionadas coa protección fronte á discriminación por este feito.

Por unha banda a coñecida como “Lei Zerolo”. Trátase da Lei 15/2022, de 12 de xullo, integral para a igualdade de trato e a non discriminación.
Por outra, a coñecida como “Lei Trans”, que é a Lei 4/2023, de 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.

Unha e outra conteñen varios mecanismos de protección fronte agresións, discriminacións e abusos. Por unha banda na forma de infracións e sancións administrativas. Estas propician que, para perseguir persoas agresoras, xa non sexa imprescindíbe acodir a Tribunais, co que pode resultar máis sinxelo actuar.

Por outro lado conteñen medidas como a inversión da carga da proba, a presunción do dano moral ou a lexitimación activa de entidades. Estas provocarán respectivamente: facilidade en obter unha condea da persoa agresora, incremento das indemnizacións e menor victimización secundaria.

Conclusión

Descoñecidos en ocasións, o noso Dereito ten bo número de modos de loitar contra a violencia.

Resulta complexo e frustrante presentar esta loita ao sistema hetero-patriarcal, que expulsa a quen non se coloca no cánon hexemónico. Porén, é tamén imprescindíbel.

A orientación sexual non é só unha mostra de diversidade; senón tamén, como intentamos ilustrar, un Dereito Fundamental.
Un que custou loita, esforzo e activismo de moitas persoas do país e no Estado. Un que fica lonxe de estar pacificamente conquistado.

Agardo que este post poida ser de utilidade e contribúa a non normalizarmos a violencia, a exclusión e a invisibilización.


A loita contra da discriminación é unha das principais áreas de traballo deste despacho.
En caso de dúbida, necesidade de apoio ou consello legal ao respecto da protección dos vosos dereitos… fico ao voso dispor.

(Algunhas) fontes

-Amnistía Internacional, “Personas gays, lesbianas, bisexuales y transexuales, transgénero e intersexuales son aún perseguidas en muchos países por el mero hecho de serlo”. Pode consultarse en: https://www.es.amnesty.org/en-que-estamos/temas/diversidad-afectivo-sexual/

-BOE:
-Lei de Igualdade de trato: https://www.boe.es/eli/es/l/2022/07/12/15/con
-“Lei Trans”: https://www.boe.es/eli/es/l/2023/02/28/4

-Centro de Investigaciones Sociológicas, ENCUESTA SOBRE RELACIONES SOCIALES Y AFECTIVAS EN TIEMPOS DE PANDEMIA DE LA COVID-19 AVANCE DE RESULTADOS Estudio nº 3325 Mayo-junio 2021. Podedes analizalo aquí: http://datos.cis.es/pdf/Es3325marMT_A.pdf

-Consejería de Igualdad, Políticas Sociales y Conciliación de la Junta de Anadlucía, “Derecho a la libertad sexual – En lectura fácil”. Dispoñíbel en: https://www.juntadeandalucia.es/institutodelamujer/files/adaptaciones/11.%20Derecho%20a%20la%20libertad%20sexual.pdf

-El Confidencial, España, el primer país europeo con más población no heterosexual, nova do 24 de xuño de 2021. Para velo, aquí: https://www.elconfidencial.com/sociedad/2021-06-24/espana-primer-pais-europeo-poblacion-heterosexual_3149620/

-European Union Agency for Fundamental Rights, “EU-LGTBI II – A long way to go for LGTBI equality”. Consultade en: https://fra.europa.eu/sites/default/files/fra_uploads/fra-2020-lgbti-equality-1_en.pdf

-Herreros Hernández, Inés, “Construcción histórica de la libertad sexual como bien jurídico. Una visión desde la perspectiva de género”, Revista del Ministerio Fiscal – Fiscalía General del Estado, nº10, 2021. Dispoñíbel en: https://www.fiscal.es/documents/20142/5f51efd2-d9c7-9242-9d0f-3928193408a4

-Lamarka, Í., “Los derechos paso a paso: la libertad sexual”, en juztizia.eus – Portal da Administración de Xustiza en Euskadi. Pode consultarse en: https://www.justizia.eus/noticias/los-derechos-paso-a-paso-iv-libertad-sexual

-Nacións Unidas – Iniciativa Free and Equal, “Bisexual”, na referencia: https://www.unfe.org/wp-content/uploads/2018/09/Bisexual-visibility_spanish.pdf

-Prieto, A., “Bisexuais, a enorme ausencia”, Revista Luzes, 27 de xuño de 2021. Podedes lelo completo aquí: https://luzes.gal/27/06/2021/opinion/bisexuais-a-enorme-ausencia/

Contacto

Se necesitas asesoramento especializado e de confianza, non dubides poñerte en contacto comigo.

Francos, 8 – Lugar de Reboreda, CP. 27155 Outeiro de Rei (Lugo)

Falemos!