Unha reflexión sobre feminismo no mundo do Dereito

Cando estudamos Leis, facémolo cunha determinada perspectiva. O ensino non é neutral e dende logo o achegamento ás disciplinas tampouco o é.

Por qué en case 10 anos na Universidade nunca escoitei falar, nas análises históricas do Dereito, de mulleres xuristas?

Por qué malia seren maioría no profesorado, só unhas poucas (moi poucas) eran Catedráticas?

Por qué só houbo dúas Decanas na historia moderna da Facultade de Dereito da USC (as Profesoras Doutoras Dona Milagros Otero Parga e Dona Ana María Gude Fernández)?

Creo que o motivo nuclear é unha visión reducionista do mundo xurídico e unha posición de poder dOs xuristas, que por motivos diversos negan o acceso a esferas de poder ás mulleres xuristas. Motivos estes coma: privilexio, prexuízo, violencia estrutural, medo…

Algunhas cifras ilustrativas

E isto malia que as mulleres (nos ensinos en Ciencias Xurídicas nas Universidades españolas):

-Son maioría nas cifras de matriculadxs (60,1 versus 39,9%)

-Son maioría nas estatísticas de egresadxs (64,2 versus 35,8%)

-Abandonan menos as carreiras xurídicas (17,7 versus 24,3%)

-Teñen mellor taxa de rendimento, están máis presentes nos estudos de Doutoramento, len máis Teses, teñen mellor nota media…

A lista segue e segue.

É dicir: son máis e mellores dende hai anos e décadas e malia iso non acceden aos postos de responsabilidade, dirección ou xestión. Non é esta unha cuestión de méritos, esforzo ou sacrificio persoal. É unha violencia estrutural que impide (e fai esforzos por impedir) o acceso ás mulleres a postos directivos ou de xestión.

O feminismo no mundo do Dereito, no que respecta ao ensino, segue sen ser realidade.

E algunha cronoloxía

Segundo o informe da estrutura demográfica da Carreira Xudicial, dxs 5.320 Xuícxs e Maxistradxs en activo en España 2.918 son mulleres (case o 55%). Porén… ollade estes datos cronolóxicos:

  • Até 1966 as mulleres non tiñan dereito a se prensetaren a oposicións á xudicatura ou Fiscalía. Unicamente para xurisdición social e en relación á tutela de menores (Lei 56/1961, de 22 de xullo, de dereitos políticos profesionais e de traballo da muller)
  • María Jóver Carrión e Josefina Triguero Agudo son as primeiras mulleres xuízas na historia democrática española; en 1972 e 1978 respectivamente
  • Até 1991 ningunha muller fora presidenta dunha Audiencia Provincial. A primeira foi a actual Ministra de Defensa Margarita Robles
  • Non é até o 18 de febreiro de 2002 (após 24 anos de democracia constitucional) que a primeira muller accede a un posto de Maxistrada no Tribunal Supremo. Foi Milagros Castro Ibarlucea, na Sala do Social
  • María Eugènia Alegret i Burgués foi, en 2004, a primeira muller Presidenta dun Tribunal Superior de Xustiza, o de Catalunya
  • Tamén en 2004, María Emilia Casas Baamonde convértese na primeira muller en presidir o Tribunal Constitucional. Tamén foi a primeira Catedrática de Dereito do Traballo e Seguridade Social no Estado
  • Até o 30 de setembro de 2020 ningunha muller presidira unha Sala do Tribunal Supremo. A pioneira neste caso é María Luisa Segoviano Astaburuaga, na Sala do Social

A día de hoxe… a visibilización é responsabilidade de todxs

No momento no que escribo esta entrada:

-Só dúas das presidencias de Colexios de Avogadxs na Galiza están ocupada por mulleres: Excmas. Sras. Dª Pilar López-Guerrero Vázquez, do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense; e Dª María Lourdes Carballo Fidalgo, o Ilustre Colexio de Avogados de Vigo

-Das tres Salas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza só unha está presidida por unha muller: Dª María Dolores Rivera Frade, que preside a Sala do Contencioso-Administrativo

-Dende a inauguración do TSX en 1989 ningunha muller presidiu o órgano, fronte a 7 Presidentes

-A porcentaxe de mulleres Catedráticas en España non alcanza o 25%

Alén dos factores sistémicos e estruturais contra os que debemos loitar como sociedade, creo na loita individual e no bo efecto o activismo individual. Como xuristas, esixamos dos nosos Colexios profesionais, do Consello da Avogacía, nas nosas Universidades… que se eliminen os tales factores.


Como investigadorxs, incluamos a perspetiva de xénero, de xeito transversal nos nosos traballos, e deamos visibilidade ás investigadoras e técnicas que nos precederon na xeración de coñecemento.

Sen panca de acción, sen vías conscientes de mudar a realidade, ela por si soa non mudará, pois bebe de inercias, estruturas de poder e perversións que se benefician de se perpetuar.

O feminismo no mundo do Dereito é, dende logo, unha materia pentende.

Traballemos, cada un/ha de nós cara unha sociedade plural, diversa, inclusiva e rica en perspetivas e saberes.

Fontes:

1.- Informe de Estrutura demográfica da Carreira Xudicial – Consello Xeral do Poder Xudicial: https://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Estudios-e-Informes/Estructura-demografica-de-la-Carrera-Judicial/

2.- https://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Poder-Judicial/En-Portada/8-M–Mujeres-pioneras-en-el-Poder-Judicial

3.- https://tudefinestufuturo.mutualidadabogacia.com/talento-emprendimiento/mujeres-juristas-que-hicieron-historia/

4- https://www.elconfidencial.com/espana/2020-01-15/primera-jueza-tribunal-supremo-milagros-calvo_2411916/

5.- https://tribunafeminista.elplural.com/2020/01/la-primera-jueza-de-la-historia-de-espana-se-llama-josefina-triguero/

6.- https://www.abogacia.es/actualidad/noticias/la-mujer-en-la-abogacia-evolucion-de-la-desigualdad-profesional/

7.- Informe “Datos y cifras del Sistema Universitario Español Publicación 2020-2021”: https://www.universidades.gob.es/stfls/universidades/Estadisticas/ficheros/Datos_y_Cifras_2020-21.pdf

Contacto

Se necesitas asesoramento especializado e de confianza, non dubides poñerte en contacto comigo.

Francos, 8 – Lugar de Reboreda, CP. 27155 Outeiro de Rei (Lugo)

Falemos!