Algunhas claves sobre trámite sucesorio
Ao falar de Dereito e herdanzas estamos a nos referir a un conxunto amplo de materias.
Así, unha sucesión é un proceso complexo no que conflúen áreas coma o Dereito Civil (fundamental), o Dereito Tributario (o trámite de impostos), o Dereito Administrativo (na parte que ten que ver cos Rexistros Públicos)… entre outras.
Intentaremos neste post falar dalgunha das cuestións de interese relacionadas. En posts posteriores iremos traballando e escribindo sobre cada unha delas, con maior grao de detalle.
Só como introducción diremos que o do Dereito e herdanzas é un campo singular na Galiza, pois temos particularidades con respecto a como se xestionan no resto do Estado.
Non só falamos de facer testamentos de xeito particular, senón doutras figuras que o noso Dereito Civil galego permite e das que podemos tirar.
(Neste enlace podedes consultar a nosa Lei de referencia: a Lei de Dereito Civil de Galicia, da que habemos falar en moitas ocasións máis: https://www.lex.gal/galilex/589)
Os pactos sucesorios
Un exemplo desta particularidade galega en Dereito e herdanzas son os chamados “pactos sucesorios”.
Trátase de figuras propias da Galiza, que non existen no ámbito do Dereito Civil xeral estatal.
A través destes podemos xestionar o noso patrimonio antes do falecemento, polo que adoitan coñecerse tamén como “herdanza en vida”.
Os nosos pactos son fundamentalmente dous:
-Pacto de mellora: entre xs nosxs futurxs herdeirxs podemos repartir bens concretos. É dicir, ademais da parte que lle podería tocar (que nós chamamos “lexítima”), reciben algo máis.
Por exemplo: a miña herdanza repartirase a partes iguais entre xs fillxs mais á Carme tocaralle tamén a casa familiar.
Podo escoller darlle ese ben concreto xa (falariamos de mellora “con entrega de presente”) ou agardar ao momento do falecemento (“sen entrega de presente”).
-Pacto de apartamento: doulle a unha das persoas que será herdeira miña un ou varios bens concretos. A cambio del, queda excluída do reparto da herdanza.
Por exemplo: o meu patrimonio hoxe son 900.000€ e teño 3 fillxs. Se repartise a partes iguais, no momento de falecer, tocaríalle 300.000 a cada. Pois ben, antes de falecer fago un pacto de apartamento no que deixo ao Xoán a casa familiar, valorada en 280.000. Xoán non recibirá nada máis da miña herdanza.
Neste sentido, os pactos permiten “adiantarse” ao momento do falecemento, cunha planificación de a onde irán os bens.
Ademais trátase de figuras atractivas dende o punto de vista fiscal. Si, tamén tendo en conta o cambio lexislativo recente. Seguen sendo atractivas (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/mercados/2021/08/01/novedades-fiscales-pactos-sucesorios/0003_202108SM1P6991.htm).
(Neste enlace da Axencia Tributaria de Galicia – ATRIGA tedes información adicional sobre os pactos sucesorios: http://www.atriga.gal/programa-herdanza-en-vida)
A liberdade de testar
Un dos elementos que adoita ignorarse con respecto ás herdanzas (e tamén cos pactos sucesorios) é a amplísima liberdade que temos para repatir os nosos bens, tanto en vida como despois de falecer.
Ademais dos pactos sucesorios, podemos escoller como herdeiras ás persoas que queiramos, sexan ou non da familia; podemos repartir os bens por enteiro e tamén por anacos (ou porcentaxes); podemos desherdar ás/aos nosxs herdeirxs (en casos determinados); podemos decidir donar a meirande parte do noso patrimonio a entidades sociais…
As limitacións son moi poucas.
A primordial sería a coñecida como “lexítima”. Trátase dunha porción do noso patrimonio que temos de deixar a persoas concretas. En principio sen escapatoria.
A cantidade a deixar varía dependendo de quen sexan xs herdeirxs. Colócovos algún exemplo:
- Se só temos fillxs como herdeirxs, témoslles que deixar un cuarto do valor da herdanza. A repartir entre todxs elxs
- Se só temos viúvx, teremos que lle deixar o usufruto vitalicio da metade da herdanza
- Se temos fillxs e viúvx, unha cuarta parte a elxs, e x viúvx levará o usufruto vitalicio dun cuarto da herdanza
Todo isto ten múltiples combinacións, e mesmo encargos ou condicións que podemos situar en certos casos.
Os gastos dunha sucesión
As herdanzas (as máis delas) non tributan en Imposto de Sucesións e Doazóns, isto é certo. Porén, isto non quere dicir que non teñan custos asociados, ou gastos (por moito que o vexamos na televisión, herdar non adoita ser gratis).
Velaquí algúns exemplos:
- Débedas da herdanza: malia que existen formas para herdar sen adquirir as débedas, temos que considerar que o patrimonio inclúe activo e tamén pasivo; e, se non nos protexemos delas, as débedas poden supor unha carga importante
- Outros impostos: fundamentalmente, alí onde exista, o Imposto sobre Incremento de Valor de Terreos de Natureza Urbana. A coñecida como “plusvalía” municipal
- Gastos de Notaría: se, por exemplo, somos varixs herdeirxs e cómpre facer un reparto da herdanza, teremos que acudir a unha Notaría. Os gastos poden oscilar e dependen en parte da cantidade de patrimonio
- Honorarios profesionais: dúas fontes son as principais, ou ben de avogadx/s ou de persoal técnico (peritxs, arquitectxs, inxeñieirxs, taxadorxs…)
- Outros gastos: taxas por expedición de documentos, ou mesmo gastos por trámite bancario (malia que, no meu ver, estes últimos poden ser evitábeis)
Os tempos nas herdanzas
Se tivese que sinalar un elemento que pode frustrar (e moito) durante o trámite unha herdanza, sinalaría o tempo.
Xs xuristas (avogadxs, notarixs, persoal de Xustiza…) estamos afeitos a uns prazos determinados e a unhas dinámicas que poden dilatarse. Non só por costume, senón porque coñecemos que o traballo en segundo plano que unha actuación require, en ocasións é moito maior do que parece.
É quizais por isto para nós o tempo non transcorre do mesmo xeito que para a poboación xeral.
Un trámite hereditario, en función da súa complexidade, pode alongarse máis dun ano. Así, sobre todo ao inicio, operacións coma o inventario e avalío dos bens (recontar que é o que hai no patrimonio e canto valor lle damos) pode complicarse, requiríndose tamén informes ou documentación de Administracións Públicas en ocasións colapsadas ou con atrasos importantes.
Mesmo nun momento posterior, despois de tramitar impostos, temos que considerar o posíbel atraso na cita nas Notarías ou o requirido por peritxs ou técnicxs para medir terreos, taxar bens de valor…
Ademais, é xusto dicir que non é raro que xs avogadxs, cando tramitamos unha herdanza, acabamos por ter que amañar dúas ou tres xeracións de sucesións incorrectamente tramitadas; podemos atopar bens non rexistrados ou con titularidades incorrectas; medidas que non coinciden en diversos Rexistros Públicos…
Un asesoramento de calidade
Como puidestes albiscar do que comentamos, planificar ou tramitar unha herdanza non é un asunto sinxelo. Direivos que é, de seguro, dos casos máis complexos que se poden presentar pola multitude de factores concorrentes e polas moitas ramas do Dereito que cómpre ter en mente.
O que escribo neste post é só unha aproximación moi básica (e en clave divulgativa) dalgúns dos puntos de interese. Son moitos máis, e os mencionados revisten maior complexidade da que parece.
É por isto que a miña recomendación é obter un asesoramento experto, de calidade e con profesionalidade. Como apuntaba nun epígrafe anterior, non é estraño para nós atopar sucesións incorrectamente tramitadas, feitas con présa ou sen prestar atención aos detalles. Estas herdanzas son difíciles de amañar.
Intentade asesorarvos cun/ha avogadx expertx en sucesións, así coma cunha Notaría de confianza, pois é o mellor xeito de que o proceso sexa fluído e cun resultado óptimo.
Se tes dúbidas sobre os trámites dunha herdanza, ou necesitas asesoramento nesta materia, non dubides en contactar!
Son experto en Dereito e herdanzas, ademais de colaborador social da Axencia Tributaria de Galicia.