Achegamento ao “Dereito Animal”

Expresamos con “Dereito animal” o conxunto de normas que poden aplicarse ao reino animal, non referíndonos só aos animais de compañía, senón tamén, por exemplo, á gandería, á pesca, ao uso de animais en espectáculos, á explotación de animais para investigación…

Hoxe achegarémonos a este Dereito animal a través de tres documentos, que nos colocarán tamén no tempo. Son textos de tres chanzos diferentes: o “Dereito Internacional” (explicaremos deseguido porqué estas comiñas), o Dereito Autonómico galego e o Dereito estatal.


Veremos pois:

  • O pasado: a través da Declaración Universal dos Dereitos dos Animais, de 1978
  • O presente: coa norma galega de protección de animais de compañía
  • O futuro: comentando brevemente os aspectos fundamentais da que será a primeira Lei estatal na materia.

O pasado

Este pasado do Dereito Animal lévanos ao 15 de outubro de 1978 e á Declaración Universal de Dereitos dos Animais.

Cómpre salientar de comezo que, malia o que poida indicarse nalgúns enderezos web, esta non é unha Declaración da ONU, nin unha Declaración da UNESCO.

(Hai quen refire que si o mais este erro é debido a que a conferencia de presentación da Declaración se realizou no edificio da UNESCO, en Xenebra; mais sen se celebrar dentro dunha actividade oficial desta Oficina da ONU).

En troques, o texto foi promovido pola Liga Mundial dos Dereitos dos Animais, como unha referencia e un obxectivo cara o futuro. Porén, temos que salientar que o texto non ten ningún tipo de validez xurídica.

Hoxe mesmo, nun post separado, colocarei a miña tradución ao galego da Declaración.

O presente

Neste presente mencionaremos unha norma que si é xurídica e si está en vigor. É a Lei galega 4/2017, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galiza; que entrou en vigor o 11 de xaneiro de 2018.

(Podedes atopar a Lei neste enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171011/AnuncioC3B0-051017-0001_gl.html)

É unha norma que só se aplica a animais de compañía, é dicir, os que non teñen fins de consumo ou de negocio.

A Lei establece obrigas nxs propietarixs pero tamén para as persoas posuidoras. É dicir, se un gato non é meu mais está ao meu coidado, teño que cumprir igualmente a norma.

Entre as obrigas, podemos atopar:

  • Alimentalos e coidalos conforme ás súas necesidades
  • Darlles refuxio e levalos a revisión veterinaria
  • Proporcionarlles descanso e exercicio físico axeitados
  • Proporcionarlles un entorno libre de estrés, medo e sufrimento
  • Impedir a súa reprodución incontrolada

A Lei galega tamén impide a mutilación (cortarlles orellas ou rabo), así como agasallalos en feiras e concursos ou ter animais silvestres nos circos.

Ademais regúlanse os animais en zoolóxicos, os “animais potencialmente perigosos” e as asociacións de defensa dos animais, entre outras materias.

Porén, quizais un dos puntos de máis interese sexa que establece infraccións e sancións para o caso de incumprimentos.

As sancións irán entre os 100 e os 30.000 euros e mesmo poden ser superiores. Ao tempo, poden establecerse sancións como: retirada dos animais, peche de establecementos comerciais, prohibición de tenza de animais de compañía, imposibilidade de obter subvencións públicas…

O futuro

Falaremos aquí do Anteproxecto de Lei de Protección e Dereitos dos animais, que podedes atopar neste enlace: https://www.animalshealth.es/fileuploads/user/Borrador_Anteproyecto_Ley_Proteccion_Derechos_Animales.pdf

Trátase do que será, cando entre en vigor, o texto máis importante de Dereito Animal no Estado. Entre os puntos máis salientábeis, destacan:

  • Prohibición de mutilación, ser obxecto de feiras ou sorteos, empregalos en actividades que lles causen angustia (pero a Lei non se refire á tauromaquia), uso de colares de púas ou mecanismos eléctricos de adestramento, prohibición de métodos de inmobilización…
  • Regúlanse, nun Capítulo específico, as colonias felinas, con obriga nas Administracións Autonómica e Local, de esterilización
  • Prohíbese o sacrificio de animais abandonados, agás por motivo de sanidade animal, saúde pública, seguridade ou medioambiental
  • Para ter cans (e só cans) será preciso realizar un curso, cuxo contido se aprobará regulamentariamente
  • Os cans deberán pasar “mecanismos de validación de comportamento e socialización” e deberán contar cun seguro de responsabilidade civil
  • As sancións irán entre os 600 e os 600.000€, con posibilidade de sancións adicionais

Como podedes ver a norma será moi similar á Lei galega. De feito, custa atopar contido realmente novo para Galiza.

Veremos nos próximos meses cal é o recorrido do Anteproxecto, e falaremos del cando exista un texto definitivo.



En Miguel Vieito – Avogado podo asesorarte nesta materia.

Se vistes algunha vez unha conduta agresiva con animais, podedes denunciala. Recoméndovos poñelo en coñecemento do Concello no que se produza.

Tamén podedes probar a aplicación ALERTCOPS, da Policía Nacional e a Garda Civil. Permítenos denunciar estes feitos de xeito directo, mesmo xuntando fotografías ou vídeos. Tédela dispoñíbel para Android e iOS.

Botádelle un ollo: https://alertcops.ses.mir.es/mialertcops/.

Contacto

Se necesitas asesoramento especializado e de confianza, non dubides poñerte en contacto comigo.

Francos, 8 – Lugar de Reboreda, CP. 27155 Outeiro de Rei (Lugo)

Falemos!