Declaración Universal de Dereitos dos Animais (en galego)

Unha pequena introducción

Como diciamos na entrada do bloque sobre Dereito Animal, a Declaración non é un texto legal. Porén, é un documento de máximo interese, por canto establece un horizonte e un obxectivo. Así este estándar internacional ten servido como fundamento para, entre outras, a Lei galega sobre animais de compañía.

Podedes atopar a versión en castelán desta Declaración, da que eu partín para a traducción, neste enlace: https://www.fundacion-affinity.org/la-fundacion/declaracion-universal-de-los-derechos-del-animal

Preámbulo

Considerando que todo animal posúe dereitos.

Considerando que o descoñecemento e o desprezo dos ditos dereitos ten conducido e conduce á humanidade a cometer crimes contra da natureza e contra dos animais.

Considerando que o recoñecemento por parte da especie humana dos dereitos á existencia doutras especies de animais constitúe o fundamento da coexistencia das especies no mundo.

Considerando que a humanidade comete xenocidio e existe a ameaza de que siga a cometelo.

Considerando que o respecto cara os animais pola humanidade está ligado ao respecto das persoas entre si propias.

E considerando que a educación debe ensinar dende a infancia a observar, comprender e amar aos animais.

A Liga Internacional dos dereitos do animal proclama o seguinte.

Artigo 1º:

Todos os animais nacen iguais ante a vida e teñen os mesmos dereitos á existencia

Artigo 2º:

1) Todo animal ten dereito ao respecto.

2) A humanidade, en tanto que especie animal, non pode atribuírse o dereito a exterminar a outros animais ou explotalos violando este dereito. Ten a obriga de por os seus coñecementos ao servizo dos animais.

3) Todos os animais teñen dereito á atención, aos coidados e á protección da humanidade.

Artigo 3º:

1) Ningún animal será sometido a malos tratos nin a actos de crueldade

2) Se é precisa a morte dun animal, esta debe ser instantánea, indolora e non xeradora de angustia

Artigo 4º:

1) Todo animal pertencente a unha especie salvaxe ten dereito a vivir libre no seu propio ambiente natural, terrestre, aéreo ou acuático e a se reproducir.

2) Toda privación de liberdade, incluso aquela que teña fins educativos, é contraria a este dereito.

Artigo 5º:

1) Todo animal pertencente a unha especia que viva tradicionalmente na contorna da humanidade, ten dereito a vivir e crecer ao ritmo e nas condicións de vida e de liberdade que sexan propias da súa especie.

2) Toda modificación do dito ritmo ou ditas condicións que fose imposto pola humanidade con fins mercantís é contrario a dito dereito.

Artigo 6º:

1) Todo animal que a humanidade teña escollido como compañeiro ten dereito a que a duración da súa vida sexa conforme coa lonxevidade natural

2) O abandono dun animal é un acto cruel e degradante.

Artigo 7º:

Todo animal obreiro ten dereito a unha limitación razoábel do tempo e da intensidade do traballo, a unha alimentación reparadora e ao repouso.

Artigo 8º:

A experimentación animal que implique un sufrimento físico ou psicolóxico é incompatíbel cos dereitos do animal, tanto se se trata de experimentacións médicas, científicas, comerciais, como de toda outra forma de experimentación.

Artigo 9:

Canto un animal é criado para alimentación, debe ser nutrido, instalado e transportado, así como sacrificado sen que disto resulte para el motivo de ansiedade ou dor.

Artigo 10º:

1) Ningún animal debe ser explotado por diversión da humanidade

2) As exhibicións de animais e os espectáculos que empreguen animais son incompatíbeis coa dignidade do animal

Artigo 11º:

Todo aquelo que implique a morte dun animal sen necesidade, é un biocidio, é dicir, un crime contra da vida.

Artigo 12º:

1) Todo acto que implique a morte dun grande número de animais salvaxes é un xenocidio, é dicir, un crime contra da especie.

2) A contaminación e a destrución do ambiente natural conducen ao xenocidio.

Artigo 13º:

1) Un animal morto debe de ser tratado con respecto.

2) As escenas de violencia nas que os animais son vítimas, deben ser prohibidas no cime e na televisión, agás se estas teñen como finalidade dar mostras dos atentados contra dos dereitos dos animais.

Artigo 14:

1) Os organismos de protección e salvagarda dos animais deben ser representados a nivel gobernamental.

2) Os dereito do animal deben ser defendidos pola lei como o son os dereitos das persoas.

(Nota: tal e como se explicita no Aviso legal da web, os contidos do blogue son… meus. Non tes dereito a usalos sen a miña autorización previa.
Non creo que haxa ningún problema en obtela se queres usar esta traducción, sempre que non sexa para un uso comercial. Pero pide a autorización, por favor
).

Contacto

Se necesitas asesoramento especializado e de confianza, non dubides poñerte en contacto comigo.

Francos, 8 – Lugar de Reboreda, CP. 27155 Outeiro de Rei (Lugo)

Falemos!